• LIFE IN COMMON LAND

    Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación. LIFE16 NAT/ES/000707

O proxecto nace para reverter diversas ameazas que afectan aos hábitats na Serra do Xistral, dos que destacamos: o progresivo abandono dos usos tradicionais, principalmente o pastoreo, o que dá lugar a alteracións na composición e configuración da paisaxe; a ambigüidade e pouca definición nas directrices de xestión ambiental, a degradación dos hábitats ligados á actividade humana, o cambio climático e as difíciles condicións das áreas de montaña que levan a unha perda paulatina da poboación.

Unha das claves do proxecto é o emprego de ferramentas colaborativas capaces de establecer sinerxias entre os montes veciñais en man común, as administracións e a sociedade en xeral. Trátase de construír espazos de colaboración orientados ao desenvolvemento económico e a conservación ambiental en zonas de gran valor ecolóxico como a Serra do Xistral.

Unha das claves do proxecto é o emprego de ferramentas colaborativas capaces de establecer sinerxias entre os montes veciñais en man común, as administracións e a sociedade en xeral.

Dun modo demostrativo, poñerase en práctica, avaliará e divulgará unha metodoloxía de xestión participativa baseada en resultados de conservación para a xestión dos mosaicos de turbeiras e brezales húmidos, tradicionalmente pastoreados en extensivo, na Zona Especial de Conservación – Serra do Xistral.

Desenvolvemento do proxecto

Deseñarase e aplicarase un esquema de pagos por resultados de conservación ás comunidades que desenvolven unha actividade agrogandeira que incide na conservación dos hábitats obxectivo. O esquema agroambiental resultante será susceptible de ser utilizado na redacción do próximo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) en Galicia. Para iso contamos co compromiso da Xunta de Galicia.

Unha das peculiaridades para abordar na aplicación destes modelos de xestión, é a tipoloxía concreta de tenencia común da terra que se dá en Galicia, en concreto a figura dos montes veciñais en man común. Os montes veciñais en man común son montes de natureza privada e colectiva (ou xermánica), cuxa titularidade e aproveitamento corresponde ao conxunto dos veciños, e con residencia habitual nas entidades de poboación (parroquia, lugar) ás que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte. Por tanto, a condición de comuneiro depende do feito de residir habitualmente no lugar do que se trate. Na práctica supón que a comunidade titular do monte é variable, en función dos veciños que alí residen, ou se as casas existentes pechan ou queden abandonadas.

Obxectivos do proxecto

A peculiar forma de tenencia común do territorio que ostenta esta figura de propiedade, supoñerá a necesidade de adaptar os esquemas en funcionamento noutras áreas Atlánticas (aínda que sexan de xestión comunal) á realidade socio-económica e cultural de Galicia. Ábrese deste xeito a posibilidade de exercer un efecto demostrativo naquelas zonas que, aínda que están fóra da rexión Atlántica, manteñan un sistema de tenencia común similar, tanto no resto da comunidade autónoma galega como nalgunhas zonas de Asturias, Castela-León e Portugal.

Trátase de construír espazos de colaboración orientados ao desenvolvemento socioeconómico e ambiental nunha zona de gran valor ecolóxico como a Serra do Xistral.

O esquema de pagos por resultados de conservación será exportable a outros Sistemas Agrarios de Alto Valor Natural con modelos de tenencia común da terra similares en Galicia, Asturias, Castela-León e Portugal.

Os montes veciñais en man común son montes de natureza privada e colectiva cuxa titularidade corresponde ás comunidades veciñais na súa calidade de grupos sociais, e veñan aproveitándose de maneira consuetudinaria en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Esta metodoloxía, terá como novidade o emprego de drons para o seguimento do estado de conservación dos hábitats e aplicarase á xestión real de espazos protexidos por primeira vez, en Galicia dentro do marco do proxecto LIFE IN COMMON LAND. Isto supoñerá unha importante vantaxe en termos de custo-efectividade con respecto aos sistemas de seguimento dos resultados de conservación que se realizan na actualidade, baseados unicamente en visitas presenciais.

LIFE IN COMMON LAND xorde cando entidades relacionadas coa xestión agroforestal e a conservación de hábitats detectan unha problemática de conservación e conflitividade social relacionadas cos mosaicos de turbeiras e brezales húmidos atlánticos, vinculados a Sistemas Agrarios de Alto Valor Natural, existentes no ZEC Serra do Xistral.