• ACCIÓNS

    Unha serie de accions deseñadas para solventar múltiples problemas medioambientais relacionados coa actividade humana e o cambio climático.

Accións preparatorias (A)

Os factores que condicionan o estado de conservación do complexo de turbeiras de cobertor na Península Ibérica son coñecidos e aparecen mencionados nos principais documentos de referencia. Con todo, o nivel de precisión co que son definidos dista moito de ser o axeitado como para concretar as accións de conservación necesarias. Esta acción céntrase na obtención da información necesaria para implementar os modelos demostrativos de xestión, a través dos plans definidos na acción A4; así como para planificar as medidas de restauración directa dos hábitats.

Realizaranse voos con cámaras non métricas e multiespectrais montadas en RPAS para coñecer o estado de conservación dos hábitats obxectivo nas áreas comunais, procesándose a información segundo metodoloxías desenvolvidas pola USC. A información aquí xerada servirá como punto de partida do estado de conservación dos hábitats e para planificar a posta en marcha dos modelos de xestión nas áreas comunais (acción A4). Realizaranse visitas ás áreas detectadas con problemas de conservación, para deseñar as medidas de recuperación específicas dos hábitats obxectivo. En función dos traballos previos realizados con RPAS, tomaranse datos de impactos sobre a rede hidrolóxica debido á rede de vías, da rede de drenaxes, antigas repoboacións de especies exóticas, problemas de variación de nivel trófico debido á fertilización de áreas anexas.

OBXECTIVOS

Captura da información necesaria para a avaliación do estado inicial dos hábitats prioritarios dentro dos MMVV. Inclúese a avaliación das actividades e impactos e realidade socio-cultural.

Esta acción oriéntase a captar de forma efectiva a participación activa dos propietarios comuneiros. Exponse en dúas fases: por unha banda demandarase a súa axuda para solicitar información acerca das explotacións localizadas nos MMVVMMCC e por outro exercerase un fundamental labor de información cara aos comuneiros, explicándolles de forma clara que é un modelo de xestión baseado en resultados e que se considera un “bo estado de conservación” dos hábitats que eles xestionan.

A posta en marcha de esquemas de xestión baseados en resultados de conservación, dentro dos plans de ordenación dos MMVV, require da participación activa e o compromiso dos propietarios comuneiros, xa que un dos alicerces fundamentais destes esquemas baséase en dar maior responsabilidade e capacidade de decisión aos propietarios e ás súas estruturas de goberno. Para que esta forma de traballo sexa factible é necesario que os propietarios coñezan que é un Modelo de Xestión Baseado en Resultados e cales son os resultados desexados en cada caso, é dicir, identificar coa maior claridade posible que é un “bo estado de conservación” dos hábitats en termos de composición de especies, estrutura do brezal, superficie de turba ao aire, etc.). Doutra banda, a posta en marcha destes plans de xestión require un coñecemento profundo da realidade de cada área para xestionar, só alcanzable a través da implicación dos propietarios.

Realizaranse entrevistas aos gandeiros nos montes veciñais para coñecer a actividade desenvolta nos montes. Por outra banda, manteranse reunións informativas cos comuneiros para informalos de forma clara acerca dos modelos de xestión baseados en resultados de conservación e do obxectivo de conservación que se pretende alcanzar, é dicir, o que se considera un “bo estado de conservación” dos hábitats ou mosaicos de hábitats que teñan na súa propiedade. Como material de apoio proporcionaráselles un dossier con material gráfico no que se describa un estado óptimo de conservación para cada hábitat obxectivo (4020*, 7110* e 7130*) e para os diferentes mosaicos dos mesmos.

OBXECTIVOS

  • Obter a implicación dos propietarios no proceso de desenvolvemento dos plans de xestión.
  • Obter toda a información necesaria por parte dos propietarios para desenvolver os esquemas de xestión baseados en resultados.
  • Explicar de forma práctica e orientada a cada propietario-xestor que é un “bo estado de conservación” dos hábitats presentes na súa propiedade.

Pagos compensatorios (B)

través desta acción establécense e fanse efectivos os mecanismos de pagos compensatorios pola aplicación dos esquemas de xestión baseados en resultados de conservación. Calcularanse os pagos apropiados por hectárea en función do grao de mellora no estado de conservación dos hábitats, da superficie dedicada á conservación baixo este esquema e da persistencia ou abandono de prácticas nocivas para a conservación. Pagarase ao final da terceira anualidade en función da avaliación final dos Indicadores de Resultados de Conservación, e na máxima porcentaxe posible que permita o orzamento destinado a esta acción, con respecto ao esquema de pagos xerado.

OBXECTIVOS

  • Obter un esquema de pagos agroambientais axustado á realidade do Serra do Xistral e os seus obxectivos de conservación.
  • Efectuar os pagos por resultados de conservación aos propietarios dos montes veciñais en man común.
  • Obter e manter a implicación dos propietarios dos terreos comunais e as súas estruturas de goberno. Demostrar a súa capacidade de “producir biodiversidade e conservación ambiental” como un produto máis das súas explotacións.

Accións concretas de conservación (C)

Aplicaranse os esquemas de xestión integrados nos proxectos de ordenación (A4). A acción está centrada na xestión de pastos incluídos nos mosaicos de hábitats obxectivo do proxecto (4020*, 7110* e 7130*), que estará orientada cara á mellora do estado de conservación dos hábitats prioritarios mediante a aplicación de técnicas de roza, queima e pastoreo que posibiliten a rexeneración dos pastos, permitindo o aproveitamento sustentable dos recursos á vez que se alcanzan obxectivos de conservación.

Tras a identificación do estado de conservación no que se atopan os mosaicos dos hábitats

obxectivo nos MMVV, e os valores dos indicadores de resultados iniciais, valorarase por expertos qué áreas se atopan sobre ou infra pastoreadas e as actuacións para levar a cabo en cada caso, que poden comprender: C1.1. Rexeneración do brezal mediante xestión gandeira, identificando de acordo coa opinión dos propietarios, as pautas de pastoreo necesarias para mellorar o estado de conservación destes mosaicos; C1.2. Rexeneración do brezal mediante roza ou queima controlada, actuando sobre as áreas de brezal identificadas en estado senescente e que poidan ser rexeneradas para mellorar as súas calidades como zona de pasto en beneficio á vez que se mellora o estado de conservación do mosaico de hábitat de turbeira e brezal húmido.

OBXECTIVOS

  • Aplicar de forma efectiva os plans de xestión baseados en resultados de conservación xerados nas accións A.
  • Mellorar o estado de conservación dos hábitats 4020*, 7110* e 7130* durante a execución da acción.
  • Obter e manter a implicación dos propietarios e as súas estruturas de goberno comunal.

 

Acción orientada á execución de actuacións que contribúen á conservación dos hábitats prioritarios: Turbeiras altas (7110*) e brezales húmidos (4020*) e recollidas no documento de xestión forestal e gandeiro (A4).

Os estudos e traballos científicos-técnicos realizados na ZEC Serra do Xistral evidencia certo impacto da actividade humana no estado de conservación dos hábitats. Estes impactos atenden principalmente a dúas razóns: as consecuencias da implantación de vías forestais e as concentracións puntuais de gando ao redor das turbeiras altas.

Mediante esta acción expóñense actuacións específicas dirixidas á corrección de impactos e ameazas, especialmente dirixidas á corrección de impactos na hidroloxía dos humidais máis sensibles ao piso.

Os viarios existentes na serra teñen efectos negativos sobre algunhas áreas onde se concentran as augas pluviais, xa sexa porque crean novas áreas de erosión ou porque depositan materiais procedentes do firme das pistas (áridos). En ambos casos a hidroloxía das turbeiras altas vese prexudicada. Outra situación que xera conflitos son os pasos utilizados polo gando ou maquinaria agrícola que afectan a turbeiras altas activas.

OBXECTIVOS

O principal obxectivo desta acción é a mellora do estado de conservación do mosaico de turbeiras altas e brezales húmidos.

Accións de seguimento das repercusións do proxecto (D)

Avaliaranse as repercusións da aplicación dos plans demostrativos de xestión baseados en resultados de conservación e as súas accións asociadas sobre os hábitats prioritarios 7110*, 7130* e 4020*.

Aplicarase unha metodoloxía nova, xerada no marco dun proxecto de investigación da USC (cf.
Bibliografía),mediante a que se realizará o seguimento do estado de conservación dos hábitats obxectivo a través do emprego de RPAS (uso de sensores remotos).

OBXECTIVOS

  • Avaliar os resultados de conservación alcanzados.
    Poñer en práctica unha metodoloxía nova de seguimento de hábitats mediante sensores remotos sobre RPAS.
    Obter información para readaptar as accións de xestión de brezales en caso necesario (acción C1).

 

LIFE IN COMMON LAND posúe un compoñente socioeconómico moi relevante, ao ser un proxecto centrado na conservación duns hábitats (7130*, 7130* e 4020*) que posúen un forte vínculo co aproveitamento humano. O proxecto incide neste aproveitamento, desde a óptica da xestión do territorio comunal, para manter nun estado de conservación favorable os hábitats prioritarios (7110*, 7130*, 4020*) e favorecer o desenvolvemento rural nestas áreas.

O interese pola repercusión social e económica está presente en todo o proxecto, desde as accións preparatorias ata as accións directas de conservación, de sensibilización e difusión. Todas estas accións incidirán de forma positiva na economía dunha área de montaña, cuns condicionantes sociais e ambientais limitados.

Por esta razón é especialmente interesante o seguimento das repercusións do proxecto a nivel socioeconómico, aspecto fundamental á hora de valorar o custo-eficiencia (Acción D3) e por tanto da súa posibilidade de réplica.

OBXECTIVOS

O obxectivo desta acción é avaliar a contribución do proxecto ao sistema socioeconómico, particularmente no ámbito local onde as áreas comunais teñen maior implantación.

Accións de capacitación, sensibilización pública e difusión dos resultados (E)

Acción dirixida a alcanzar a máxima difusión das actividades do proxecto, parte fundamental do mesmo, dado o seu carácter demostrativo. Potenciarase a sensibilización pública respecto da importancia da conservación dos hábitats 7110*, 7130* e 4020* no ámbito xeográfico do proxecto, así como a importancia da actividade humana na súa conservación e o seu papel como Sistemas Agrarios de Alto Valor Natural (SAVN). Farase fincapé na importancia socio-económica da xestión comunal do territorio, e en aspectos concretos como a importancia dos cabalos salvaxes en liberdade, utilizando métodos de comunicación orientados aos distintos tipos de actores sociais.

Inclúe:

  • E1.1 Elaboración do plan de comunicación e sensibilización, que inclúe actividades de distinta tipoloxía;
  • E1.2 Espazo web;
  • E1.3 Publicacións;
  • E1.4 Seminario final;
  • E1.5 Informe Layman.

OBXECTIVOS

Dar a coñecer o proxecto, tanto no ámbito xeográfico de actuación do mesmo, como noutras zonas con similares problemáticas e sistemas de tenza da terra (Galicia, España e outros Países Europeos), dando a coñecer e dotando de valor un modelo de desenvolvemento rural sustentable baseado nos Montes Veciñais de Man Común (MMVV) e a Economía do Común.

Acción formativa dirixida ao fortalecemento dos axentes que manteñen os hábitats 4020*, 7130* e 7110* como Sistemas Agrarios de Alto Valor Natural (SAVN). Estes axentes son os comuneiros que ostentan a propiedade da terra e manteñen unha cabana gandeira en extensivo (vacún e cabalar).

A estratexia incluirá os distribuidores de produtos agrogandeiros, as empresas de aproveitamento eólico e as empresas do sector turístico, xa que se carece dunha rede de traballo que os vincule para obter sinerxias.

Outros axentes implicados con interese ou responsabilidade: técnicos de conservación dos hábitats, asesores, asociacións ecoloxistas, de custodia do territorio, centros de investigación, asociacións locais e organismos públicos responsables da xestión da RN2000.

OBXECTIVOS

Mellorar a capacidade de xestión de todos os axentes implicados, mediante a creación dunha plataforma de traballo que canalice a asistencia técnica dos beneficiarios, á vez que se realizan labores formativas.

Funcionamento e seguimento xeral do proxecto (F)

Esta acción recolle todos os labores de coordinación, xestión, e seguimento do proxecto, incluídas as relacionadas cos aspectos administrativos e financeiros, necesarias para asegurar un desenvolvemento correcto e satisfactorio. Inclúense nesta acción a redacción de informes de seguimento do proxecto, e a auditoría financeira externa.

Na descrición da acción omítese a relación de responsabilidades e obrigacións como Beneficiarios, Coordinadores e Asociados, ao quedar claramente definidas nos Anexos do Grant Agreement, asumindo o cumprimento íntegro das mesmas.

OBXECTIVOS

Os obxectivos desta acción relaciónanse co bo desenvolvemento do proxecto a distintos niveis: Coordinación e xestión a nivel técnico, administrativo e financeiro.

Velar polo cumprimento dos requisitos e normativas establecidas pola CE para o Programa, o Grant Agreement e os seus Anexos.

Asegurar o cumprimento de obxectivos en tempo e forma.

Manter o fluxo de comunicación coa CE e o Equipo Externo de Seguimento. Aplicar, se procede, os plans de continxencia necesarios.

O plan After LIFE é o documento de planificación das actuacións que terán lugar unha vez finalice o proxecto, asegurando a súa continuidade. No formulario B6 indícase que accións continuarán tras a finalización do proxecto, sendo neste Plan onde se identifican os obxectivos específicos. Recolleranse as medidas concretas, así como o orzamento multianual e o detalle dos compromisos de financiamento necesarios.

OBXECTIVOS

Establecer medidas para, unha vez acabado un proxecto LIFE, asegurar o seu mantemento no tempo. O Plan debe converterse nunha ferramenta para a transferibilidade e replicabilidade das accións executadas. Debe servir para divulgar as experiencias adquiridas e para establecer colaboracións futuras. Contemplará distintos ámbitos territoriais, pero atenderá especialmente ao enfoque internacional.

Dado o carácter de proxecto demostrativo, o principal obxectivo é a transferencia dos resultados do proxecto para a sua replicabilidade, dando a coñecer a experiencia adquirida e os beneficios das prácticas desenvolvidas tanto a nivel internacional, como a nivel local. Xunto a este obxectivo o plan tamén se formula coa intención de:

  • Asegurar a durabilidade dos investimentos e os esforzos realizados.
  • Establecer un plan de traballo coherente e viable onde queden reflectidos os compromisos a longo prazo das autoridades competentes.